Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025. A VII Gala dos Premios Cegasal converteuse este luns en Santiago nun espazo de celebración, reivindicación e compromiso colectivo a favor da inclusión laboral das persoas con discapacidade. Un acto que puxo en valor o traballo das administracións, empresas e profesionais que fan da economía social un instrumento real de xustiza.
No seu discurso, o presidente de Cegasal, Herminio Martínez, fixo un chamamento ás administracións para que exerzan con firmeza o seu papel: “Non pedimos privilexios, pedimos xustiza”. A súa intervención apelou ao corazón e á responsabilidade compartida: “Cada posto de traballo nun centro especial de emprego sen ánimo de lucro é unha xanela de liberdade, unha porta á autoestima, un paso cara á igualdade”.
Martínez advertiu tamén sobre os riscos que ameazan este modelo: “Cando se aproveita a lei para disfrazar de inclusión o que non é máis que negocio, cando se utiliza á persoa con discapacidade como escusa para acadar beneficios sen alma, temos que dicir con claridade que non todo vale”. Reivindicou así un compromiso colectivo que non pode ser corrompido: “Defendemos un modelo que humaniza, que transforma e que non é unha meta illada, senón un camiño común”.
O evento contou cunha ampla representación institucional, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a tenente de alcaldesa de Santiago, María Rozas, os conselleiros de Emprego, Política Social e de Medio Rural; así como os presidentes do CES, de Caixa Rural ou dos empresarios galegos.
Tamén apoiaron a Cegasal na súa gala anual o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, e os parlamentarios de PPdeG (Cecilia Vázquez), BNG (Daniel Pérez) e PSdeG (Silvia Longueira e Julio Abalde).
A forza da Rede e os exemplos que transforman
Durante o acto, o voceiro da Rede Cegasal Inclúe, Diego Vázquez Reino, destacou o impacto desta iniciativa, que conecta centros especiais sen ánimo de lucro con empresas socialmente responsables. “Colaborar coa inclusión non é só posible, senón rendible socialmente. Animo a máis empresas a sumarse, porque cando a economía e os valores camiñan xuntos, todos gañamos”, sinalou.
A Rede Cegasal Inclúe naceu para facilitar sinerxías e fomentar un mercado máis xusto, e converteuse xa nun referente de innovación social en Galicia.
Os premiados: inclusión desde todos os ámbitos
Os galardóns deste ano recoñeceron a compromiso de distintas entidades:
Administración Local: Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, pola súa firme aposta pola contratación social.
Administración Autonómica: SEAGA, exemplo de como unha empresa pública pode liderar a transformación social.
Empresas: Desarrolla e Opositatest, referentes en responsabilidade social que demostran que facer negocio e incluír non son camiños opostos.
Premio Especial: José Luis Costoya, a título póstumo, pola súa traxectoria exemplar á fronte da Asociación Amarai.
O papel imprescindible dos medios
Un dos momentos máis destacados da gala foi o recoñecemento aos profesionais dos medios que contribúen, co seu traballo, a facer visible o que aínda hoxe é invisible para moita xente: o potencial laboral das persoas con discapacidade.
Toni Silva, de La Voz de Galicia, recibiu o galardón pola súa peza sobre a integración laboral en Hornos Lamastelle (Oleiros).
Adrián Amoedo, de Faro de Vigo, foi premiado pola súa reportaxe sobre a inserción laboral na planta de reciclaxe de Coregal (Mos).
“Se a sociedade non coñece estas historias, se non se visibilizan os éxitos e as barreiras, estamos a perder unha batalla esencial: a da concienciación”, sinalou o presentador, Terio Carrera, ao destacar que o cambio social tamén se constrúe desde a información.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de pechar a gala tras entregar os premios aos dous xornalistas. O acto rematou coa tradicional foto de familia, símbolo dunha alianza cada vez máis ampla entre institucións, empresas, xornalistas e sociedade civil, e un cóctel.
Un ano máis, a Gala Cegasal deixou unha mensaxe clara: o emprego con corazón non é unha opción alternativa, senón o único camiño posible para unha sociedade realmente xusta.